Sunday 05 de May de 2024

Ángeles Vázquez enxalza o pan galego como un dos produtos de referencia do agro na nosa comunidade


A conselleira do Medio Rural asistiu á XIV Festa do Pan de Carral, que ten lugar esta fin de semana neste concello coruñés

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, enxalzou a riqueza do pan galego como un dos produtos agroalimentarios de referencia da nosa comunidade. Fíxoo no marco da XIV Festa do Pan de Carral, que se celebrou esta fin de semana neste concello coruñés.

A conselleira estivo acompañada pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, e polo alcalde da localidade, José Luis Fernández Mouriño, entre outras autoridades.

No contexto desta celebración, Ángeles Vázquez salientou o labor que está a desenvolver a Xunta, da man do sector, para impulsar a Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan Galego, actualmente en tramitación. A creación deste selo de calidade diferenciada é unha vella demanda do sector panadeiro da nosa comunidade, para poñer en valor este produto elaborado de xeito artesanal e coas máximas garantías. No caso concreto de Carral, contémplase a posibilidade de identificar o pan desta localidade dentro da IXP, como unha subzona específica.

O pan galego –segundo recolle o prego de condicións da IXP– é aquel que ten codia dura e triscante, miga esponxosa e alveolado abundante e irregular, que se elabora de forma artesanal con fariña de trigo brando, da cal unha parte procede de trigos cultivados na comunidade autónoma de Galicia pertencentes a variedades e ecotipos autóctonos galegos (os comunmente denominados “Trigo país” ou “Trigo galego”).

A elaboración deste produto caracterízase pola utilización de masa nai e unha elevada cantidade de auga así como polos longos tempos de fermentación e cocción, esta última sempre en fornos con soleira de pedra ou outros materiais refractarios.

Galega 100%
No marco desta festa do pan, a Consellería está a facer tamén promoción de Galega 100%, co reparto de minibriks de leite entre os asistentes á celebración. Esta acción enmárcase no plan de promoción desta marca que ven desenvolvendo a Xunta nos últimos meses e que se plasmou na organización de charlas divulgativas sobre a marca dirixidas a asociacións de amas de casa, consumidores e usuarios; visitas a explotacións de vacún de leite e na distribución gratuíta de minibricks en eventos deportivos, feiras agroalimentarias e outros actos con importante afluencia de público, caso desta Festa do Pan de Carral.

Galega 100% identifica o leite e os produtos lácteos de calidade diferenciada elaborados con materia prima galega, feitos e envasados na nosa comunidade. A materia prima que se emprega nestes produtos procede exclusivamente de explotacións leiteiras inscritas no Rexistro de Explotacións de Calidade Diferenciada.